Saturday 27 de April de 2024

O Concello pon en valor o seu apoio a pemes a través do PRESCO e considera imprescindible a implicación do resto das administracións para a recuperación do sector


O concelleiro de Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, participou esta maña no acto de inauguración da oitava edición de Exporpymes; un evento empresarial, organizado pola Cámara de Comercio da Coruña, que ten como obxectivo achegar as nosas pequenas e medianas empresas aos mercados internacionais a través do contacto directo con importadores de máis de 30 países de 4 continentes.

Celemín sinalou que todas as institucións públicas deben sumar na medida das súas posibilidades para axudar ás pequenas e medianas empresas a saír da crise provocada pola pandemia apoiando iniciativas como Exporpymes. As administracións públicas, dixo, debemos centrar os nosos esforzos en impulsar esa recuperación. “Dende o Concello da Coruña tivémolo claro e por iso puxemos en marcha de novo o PRESCO co obxectivo de axudar ás persoas autónomas, pequenas empresas e familias, impulsar o consumo, o crecemento económico e o mantemento do emprego”, engadiu.

O concelleiro destacou a importancia para A Coruña, pero tamén para Galicia, do armazón económico e social que compoñen pemes e autónomos. E por iso, dixo dende o primeiro momento, e sen ter competencias específicas para poder facelo, o Goberno local decidiu achegar os seus recursos económicos para poñer en marcha un Plan de Recuperación Económica e Social, o PRESCO, que nos permitiu axudar de forma directa a máis de 4.000 persoas autónomas e pequenas e medianas empresas na súa primeira edición en 2020.